miércoles, 12 de junio de 2013

O lapis color carne

Non falla nunca. É un experimento sociolóxico en toda regra que Álvaro probara varias veces nas diferentes aulas do colexio onde entrara a dar clase, e o resultado non variou en ninguna das ocasións.
Pódese comprobar de forma doada. Cóllese un grupo de nenos e nenas de diferentes etnias, e  se lles pide que debuxen un home. Ou una muller, que para o caso é o mesmo. Indefectiblemente os rapaces utilizarán a cera comummente coñecida coma “color carne” para debuxar os rasgos do suxeito. Dará igual que na súa cotidianeidade iste color pálido e insulso apenas se deixe ver nas teces que os rodeen. Que sexan mouros, xitanos, negros, mulatos ou sudamericanos. De tez escura coma é común no sur da província de Pontevedra, ou pálidos romanís de tez rosácea. A uniformidade dos debuxos será sempre abraiante, pola variedade dos autores.
Non levaba moito tempo Álvaro en Poio dando clase. Unha sustitución dunhas semanas, que se prolongara durante uns dous meses. O xusto para coller cariño ós cativos cos que remataría aquel curso (a enfermidade do mestre titular semellaba se extendería ata xulio). Tamén o tempo preciso para que aquel rebumbio de rapaces lle comezara a mostrar agarimo ó “profe Álvaro”, sendo como era un espigado e xoven recén licenciado, oriundo da montaña luguesa. Un foráneo dos barrios marxinais que rodeaban o colexio e que ó principio miraban cun recelo transformado agora en simpatía.
Mentres debuxaban, Álvaro mirou para os rapaces. Era un aula de non mais de catorce nenos, a maioría xitanos. Dous irmáns orixinais de Marrocos, un neno ucraíno, e mais unha negriña cuxos pais chegaran facía décadas de Guinea Ecuatorial, conformaban o variopinto cadro que, os primeiros días, lle inducíu ó pánico. Nenos trastes e revoltosos, cun marco social e cultural que non acadaba a comprender.
Lembrou, agora que os días se facían mais claros e comezaba o bo tempo, aquelas tardes nos que os pais dos nenos recollían ós pequenos, e mais de un se lle amosaba coma unha figura ameazante na escuridade do solpor, sabido que moitos dos proxenitores do poboado xitano veciño estiveran na cadea próxima de A Lama en varias ocasións.
Carla, unha das meninas xitanas levantouse a coller mais cores. Debuxaba un home cunha vestimenta floreada e alegre, con tons cálidos e trazos gruesos.  Era unha nena tan  forte que lle deu sempre respeto, dende aquela celebración do día do pai en que, abandonada facía anos por pai e nai biolóxicos, e facendo todos en clase de manualidades un agasallo para o proxenitor, debuxou unha felicitación á súa avoa, “o pai que a criara de verdade”, segundo as súas propiás verbas. Moitas noites dera voltas en cama, argallando no maxín daquela nena de oito anos que sabía da vida mais que moitos adultos.
Hassan, un dos nenos moriscos, e Dimitri comezaron a pelexar, aburridos da tarefa que remataran malamente facía rato. Álvaro non tivo mais remedio que castigalos sen recreo (o enésimo descanso que se perdia!). Os dous eran desordeados e pouco coidadosos nas súas tarefas. Claro que ambos compartían, xunto co irmán de Hassan, Ahmed, a dubidosa honra de chegar con moratóns de casa os lúns á mañán. Todos o sabían pero os mestres facían a  vista gorda, mentres os nenos rebulían no sangue unha violencia impropia da súa idade. Somentes en temas de fútbol de deporte prestaban atención, e Álvaro se afanaba en relacionar as leccións coas ideas mais peregrinas sobre o deporte, ate chegar a falar do escudo do Sevilla, que representaba a Fernando III, pai de Afonso X, para achegalos ás Cantigas de Santa María.
Ás veces, pensaba Álvaro, as barreiras para vivir en igualdade son tan evidentes coma os cardenais dos pequenos, ou o contexto social e económico que os condiciona. Pero outras barreiras, non menos importantes, son sutís e invisibles, de tal forma que crean barreiras internas e dificilmente superables, pola súa inconsciencia e profundidade.
Álvaro tomou a cor carne na súa man. Decatábase de que a maioría dos debuxos non estaban rematados. A maioría dos pequenos estaba centrado nas roupas e complementos dos seus modelos mentais. Deixounos facer sen prestarlles atención ate que descubriron que lles faltaba a cor coa que pensaban rematar a faciana dos seus debuxos. Cunhas verbas altas obrigounos a non alporizarse, poñendo orde na clase. E eles solos deron coa súa propiá solución.
Curiosamente ningún dos nenos tomou de modelo a súa propiá etnia. Ahmed estaba a pintar un negriño requintado, que parecia vir de surfear da praia de Patos. Luz, a meniña guineana, estaba a poñerlle un sobreiro a un xitano con camisa laranxa no que Álvaro creu recoñecer ó guapo irmán maior de Carla. Dimitri deixou a Hassan en paz e retocou o seu debuxo, un xogador do Manchester City, non tiña remedio, no que se afanaba agora en mostrar a faciana morena do dianteiro, marcadamente índio americano, cun lápis marron claro. O seu companheiro de pupitre, Hassan, picado, agora debuxaba ó musculoso dianteiro italiano Balotelli, coa súa cresta loira e súa pel moura, que pintou nun negro total.
Era normal, pensou Álvaro, que a diversidade na que se movían fora o que expresaran com debuxos. Unha diversidade cada vez mais común, por outro lado, pero que se vía detida, limitada a creatividade dos nenos, por unha barreira tan absurda coma a cor dun lápis para debuxar.
Álvaro guindou con coidado o lápis color “carne” pola fiestra, namentres os nenos que acababan os debuxos os deixaban na súa mesa, apilados con coidado (menos Hassan e Dimitri, castigados por enésima vez).  Catorce debuxos, cada un de seu pai e súa nai, coas cores mais estrafalárias. Por primeira vez, sen isa uniformidade racial que sempre mostraban. Álvaro decidiu facer a súa propia campaña e roubar todas as cores “carne” dos estuches do colexio.
Alomenos para aqueles nenos, o señor Carioca non lles ía marcar barreiras, nin lles ía decir de qué cor son as persoas.